O PSOE de Poio, decepcionado con Moldes, di que o seu é un goberno de falsidades, fotos e propaganda

POIO> Os socialistas de Poio cualifican de decepcionantes os dous primeiros anos do popular Ángel Moldes na alcaldía do municipio. Din que o seu é un goberno de falsidades, fotos e fume. Aseguran que as mentiras, as faltas de rigor e as altas expectativas xeradas fan que boa parte da veciñanza se sinta defraudada. Coa vista posta nas eleccións municipais de 2027, os socialistas preséntanse xa como alternativa fronte unha xestión, din, desastrosa.

Co mandato a medio camiño e a dous anos das eleccións municipais, o PSOE de Poio fai balance dos dous primeiros anos do popular Ángel Moldes na alcaldía. Logo das altas expectativas xeradas, falan de decepción.

Aseguran que o PP e, en concreto Moldes, están asentados na confrontación, tal como viña facendo antes dende a oposición. Cren que este mandato está marcado polas falsidades e a falta de proxectos.

E acusan ao executivo de pensar antes nos intereses dos afíns ao PP que da propia veciñanza.

Nese sentido falan dun paso atrás en cuestións básicas, como a seguridade -co conflito da policía local en primeiro plano-, o mantemento e a limpeza.

E denuncian tamén falta de transparencia.

E a dous anos dos comicios, os socialistas preséntanse como alternativa ao PP co compromiso, aseguran, de artellar unha proposta que dea resposta aos problemas do concello. Aseguran que Gregorio Agís é quen pode facelo, deixando ver que repetirá como candidato.