Nova concentración en Ribeira pola cobertura das prazas de médico

RIBEIRA> O centro de saúde de Ribeira volveu ser escenario dunha nova concentración pola sanidade pública. A plataforma reclama a incorporación de médicos para garantir un sistema de atención primaria de calidade.

A chuvia non disuadiu ás ducias de persoas que este mediodía se concentraban ás portas do centro de saúde de Ribeira reclamando a cobertura  de tódalas prazas de médicos de familia.

Ademais das protestas, a plataforma en defensa da Sanidade Pública vén de solicitar unha reunión urxente co Conselleiro, que se suma ás demandas formuladas xa en varias ocasións polo concello de Ribeira.

A próxima cita será o xoves días 12 cando está convocada unha nova mobilización tamén no centro de saúde ribeirense coincidindo coas concentracións que SOS Galicia convocou en toda a comunidade. Así mesmo, a plataforma barbanzá estará presente na manifestación convocada para o xoves 19 en Compostela para a que habilitarán autobuses de balde.