O CIMA de Vilanova celebra 50 anos centrado no desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro galego

VILANOVA> O Centro de Investigacións Mariñas de Galicia, situado en Vilanova, celebra 50 anos de actividade. Medio século de ciencia que foi clave para o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro galego. A día de hoxe o centro conta con 35 profesionais e un plan de investigación estable ata 2027.

O CIMA de Vilanova celebra 50 anos convertido nun centro estratéxico para o sistema científico galego. O seu papel foi clave para a transformación do sector marítimo-pesqueiro. Naceu en 1975 para o cultivo da ostra plana.

E dende o seu nacemento foi medrando ata converterse nun referente internacional. O acto estivo encabezado polo presidente da Xunta, que defendeu que Galicia debe seguir apostando pola I+D+i propia a través de espazos como este.

Nestes 50 anos, o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia suma máis de 850 comunicacións científicas, 350 publicacións especializadas e preto de 40 teses doutorais.

Nestes momentos conta con 35 profesionais que traballan en áreas clave como a oceanografía costeira, os recursos mariños, a acuicultura ou a patoloxía de moluscos.

O centro conta cun plan de investigación estable ata 2027 cun orzamento próximo aos 3 millóns de euros. Este, por certo, foi un dos primeiros actos da nova conselleira do mar, logo da dimisión de Alfonso Villares. O presidente da Xunta agredeceu a súa disposición a Marta Villaverde, logo dunha “semana moi difícil”, dixo.