Pontevedra amosa o seu apoio a Palestina

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra loce no seu balcón unha pancarta de apoio a Palestina. BNG e PSOE participaron este mediodía no acto de despregamento, no que denunciaron o xenocidio que Israel está a cometer na Franxa de Gaza. As dúas formacións lamentaron a ausencia do Partido Popular á convocatoria.

Do balcón do edificio administrativo do Concello de Pontevedra, en Michelena 30, pendura dende este mediodía unha pancarta de apoio a Palestina.

BNG e Partido Socialista uníronse para facer esta declaración. Dende as filas do PSOE destacaron a importancia de que as institucións públicas tomen partido.

Ao acto estaba tamén convidado o Partido Popular que optou por non asistir. Unha decisión que foi criticada por nacionalistas e socialistas.

Dende o goberno local non descartan a posta en marcha de iniciativas para seguir manifestando o seu apoio ao pobo palestino. Como, por exemplo, a declaración de Benjamin Netanyahu, primeiro ministro israelí, persoa non grata na cidade. Medida que xa se tomou en Vigo, impulsada polo BNG e contando co apoio do PSOE.