O Bon Terceiro de Víctor Carrión faise coa Regata Ramiro Carregal Rey

PORTO DO SON> O Bon Terceiro de Victor Carrión faise coa regata Ramiro Carregal Rey-Gran Trofeo Faro de Corrubedo disputada esta pasada fin de semana en augas das rías de Arousa e Muros-Noia. Na proba, que chegou este ano a súa 25 edición, tomaron parte unha trintena de embarcacións de diferentes clubs náuticos da zona.

Non tivo rival e, dende o inicio da proba, o Bon Terceiro de Victor Carrión do Club Náutico Punta Lagoa, mostrouse intratable facéndose coa vitoria na clase regata e por extensión na xeral. Por detrás del na clase regata entraron o Peperetes-Nortemar, de José Manuel Millán, do Real Club de Regatas de Galicia de Vilagarcía, e o Siradella Francisco Gude e César Álvarez do Náutico de Portosín.

Na clase cruceiro/regata, a vitoria foi para o Ziralla Primero, de Ramón Barreiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo, seguido do Mauritania, de Manuel Ángel Rey, del Club Náutico Arousa Norte, club que tamén repetía na terceira praza co Camping Ría de Arosa, de José Manuel Pombar. A última das clases, na cruceiro, dominio dos barcos do Real Club Náutico Portosín.

O trunfo foi para o Bacor, de Javier Villaamil, seguido do Escora, de Miguel Reboreda e o Montaraz. Rematada a regata, como é costume, celebrouse a entrega de premios nas instalacións do Real Club Náutico Portosín, club organizador da proba. No acto estivo tamén o empresario Ramiro Carregal Rey, principal valedor e patrocinador da regata, que xunto co resto de autoridades presentes, participaron na entrega de premios ós gañadores de cada categoría