A delegada da Xunta supervisa o avance da Duna de Corrubedo trala retirada do piñeiral

RIBEIRA> A delegada territorial da Xunta na Coruña supervisou o estado en que quedou a contorna da gran duna de Corrubedo trala retirada da vexetación que freaba o seu avance. Acompañada do xefe de Servizo de Parques Naturais tivo ocasión de comprobar o bo resultado trala eliminación dos piñeiros que ameazaban o ecosistema coa creación de dúas novas linguas de area.

A delegada territorial da Xunta na Coruña desprazouse esta mañá ata o Complexo Dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán para supervisar os traballos realizados na contorna da gran dunha. Durante os anos 2022 e 2023 procedeuse á retirada dos piñeiros e outras árbores non autóctonas que se atopaban na contorna impedindo o avance da duna.

Agora, dous anos despois, xa se aprecian indicios de recuperación coa aparición de dúas linguas de area que avanzan cara o nordeste. Indicios que se confirmarán cos resultados do estudo que ten en marcha a Xunta no que se monitorizou a situación da duna dende un ano antes da tala das árbores.

A actuación que afectou a unha superficie de máis dun cento de hectáreas supuxo un investimento de medio millón de euros con cargo ós Fondos Next GeneratioN. Dende a Xunta agradeceron a colaboración dos comuneiros de Olveira que puxeron a disposición os terreos para a execución do proxecto.