BARBANZA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo hoxe balance dos dez anos de goberno de PSOE e BNG á fronte da institución provincial coincidindo co ecuador do actual mandato 2023–2027. Xunto ó Vicepresidente, Xosé Regueira, Gonzalez Formoso puxo en valor esta etapa, a que cualificou como unha década de transformación e progreso.
Acompañado do vicepresidente, Xosé Regueira, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo balance dos dez anos de goberno de coalición PSOE-BNG á fronte da institución provincial. Na súa comparecencia, os dous repasaron algúns dos principais fitos do executivo provincial durante a última década, reivindicando o profundo cambio político levado a cabo pola Deputación cun modelo de referencia, exportable a Galicia.
Entre os principais logros acadados, o presidente da Deputación destacou a posta en marcha do Plan Único, que segundo el veu a consolidar un modelo xusto e transparente de financiamento municipal no que os concellos son os que deciden.
Tamén destacaron os plans de emprego e o emprendemento, outro dos eixos da transformación levada a cabo dende a Deputación, a través do Plan de Emprego Local, sen esquecer tampouco a aposta realizada no eido social.
De cara ós retos para estes dous anos que restan de mandato, dende o goberno provincial incidiron en que agardan seguir facéndoo aínda mellor, ofrecendo ilusión e alternativas á veciñanza, cun modelo de goberno que é, segundo eles, positivo para a economía e a sociedade de toda a provincia.











