Portos autoriza a instalación das festas de Ribeira no recheo

RIBEIRA> Fíxose de rogar pero finalmente Portos de Galicia autorizou a instalación das atraccións de feira no porto de Ribeira. Así, os ribeirenses poderán gozar das festas no mesmo emprazamento que en anos anteriores para satisfacción tamén dos feirantes que sempre defenderon esta localización.

A tan só unha semana de que arranquen as festas do verán, o concello de Ribeira vén de obter autorización para instalar as atraccións no recheo portuario. Tras un longo proceso non exento de polémicas e cruce de acusacións entre as dúas administracións, finalmente o organismo autonómico dou por bos os informes emitidos polos técnicos municipais a pesar dos múltiples requirimentos. Así, as festas se manterán no mesmo lugar que se veñen celebrando dende hai décadas.

O concello xa comunicou a decisión ós feirantes que acolleron con gran satisfacción a decisión de Portos posto que nunca viron con bos ollos o cambio de emprazamento. Nos próximos días ultimarán a colocación das distintas atraccións posto que a autorización está condicionada ó mantemento dun paso  para permitir a actividade profesional.

Tras esta boa nova, a intención do concello é seguir a negociar con Portos para conseguir a desafectación dos terreos que non teñen usos portuarios así como o cambio de catalogación dalgunhas zonas amarelas a verdes .