RIBEIRA> Un dos actos máis destacados das festas do verán de Ribeira é a tradicional procesión marítima á que ano tras ano acoden centos de persoas.
Unha mostra máis da devoción que se sente na localidade pola Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, nunha vila intimamente pegada ó mar.
A procesión marítima, na que tomaron parte numerosas embarcacións, que quixeron acompañar á Virxe no seu percorrido polo mar, tiña lugar despois da cerimonia relixiosa que se celebrou como é costume na antiga lonxa, na que non faltaron as distintas autoridades, presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o alcalde, Luís pérez Barral.
Outro dos actos máis concorridos foi tamén a tradicional sardiñada que se celebrou onte domingo ó mediodía no parque das Abesadas, e que foi recuperada o ano pasado despois de moitos anos sen celebrarse.
O forte sol e a calor non foron razón suficiente para deixar pasar a oportunidade de probar as sardiñas que foron doadas para a ocasión pola Confraría de Pescadores.











