O circuíto de carreiras de Barbanza Arousa arrancará o 31 de agosto na Pobra

BARBANZA> O domingo 31 de agosto arrancará o Circuíto ‘Catro Carreiras, unha Meta’ da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa. Farao na Pobra, cunha proba urbana duns oito quilómetros, que agarda reunir a máis de 500 corredores.

A aposta por un turismo activo que permita atraer visitantes durante todo o ano, máis aló do verán, levou á Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa a deseñar un circuíto de carreiras que ademais de fomentar a práctica deportiva contribúan a dar a coñecer os atractivos naturais e culturais dos catro concellos que a forman.

O circuíto arrancará o domingo día 31 na Pobra. A partir das once da mañá comezarán as probas nas distintas categorías para completar un percorrido urbano que, na carreira absoluta, será de oito quilómetros. Haberá trofeos para os primeiros clasificados en tódalas categorías así como premios en metálico para os cinco primeiros da xeral. Tamén se establece este ano unha gratificación para os atletas, masculino e feminino, que consigan bater o récord.

O resto das carreiras será o 27 de setembro en Ribeira, o 1 de novembro en Rianxo e o 7 de decembro en Boiro. Poderase participar de xeito individual en cada proba ou inscribirse en todo o circuíto para o que é necesario correr, como mínimo, en tres das catro carreiras.