BOIRO> Boiro prepárase para celebrar as súas festas máis senlleiras. O vindeiro venres darán comezo as celebracións na honra de San Ramón de Bealo con máis de 260 anos de historia. Este ano suman un día máis: serán un total de seis xornadas de festa coa romaría do domingo 31 como cita máis destacada.
O venres 29 de agosto arrancan as festas con máis historia de Boiro. Abrirán cunha discomóbil que dará paso ós actos litúrxicos da xornada do sábado que contará tamén con verbena e sesión DJ.
O día grande será o domingo cando o San Ramón volverá reunir a centos de romeiros na carballeira de Bealo onde se celebrarán misas dende primeira hora da mañá dando paso á sesión vermú e posterior xantar campestre con sobremesa amenizada por Abeloura e Xilbarbeira.
O programa festivo continuará o luns e o martes con diversas orquestras mentres que o mércores a París de Noia porá o broche final. Os que aínda queden con ganas de festa terán oportunidade de gozar do San Ramonciño pequeno o domingo 7 de setembro con polbo e viño a prezos populares, animación musical e actividades para nenos.











