LOUSAME> Nove meses despois do arranque deste obradoiro conxunto entre os concellos de Noia e Lousame, os 20 alumnos participantes conseguiron completar a súa formación teórica – práctica en Actividades Auxiliares de Conservación e Mellora de Montes.
Esta mañá recibían o certificado profesional que lles abre unha nova porta ó mercado laboral.
Ademais de favorecer a formación profesional e a empregabilidade da veciñanza, estes obradoiros deixan ademais unha importante pegada en ámbolos dous concellos grazas ós labores de desbroce e limpeza realizados en zonas forestais, áreas recreativas e parques e xardíns dos dous municipios.
A delegada territorial da Xunta destacou o esforzo inversor da administración autonómica para desenvolver estes obradoiros.
Unha vez finalizada a etapa formativa, animou ós alumnos a seguir concorrendo ás distintas liñas de axudas autonómicas para favorecer o acceso ó mercado laboral a través do autoemprego.











