As ANPAS da Barquiña e o IES Campo de San Alberto mobilízanse en Noia contra os recortes

NOIA> A primeira semana do curso escolar arranca no Barbanza igual que como arrancou: con protestas. Desta volta, foron as ANPAS do colexio da Barquiña e o IES Campo de San Alberto as que uniron forzas para denunciar os recortes que afectan ós dous centros.

Centos de persoas manifestáronse a pasada tarde na alameda noiesa, convocadas polas ANPAS do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso e o IES Campo de San Alberto de Noia. No primeiro dos centros os recortes afectan ó curso de terceiro de primaria que non terá desdobre a pesar de contar con 24 alumnos, varios deles con necesidades especiais, que poderarían como 29.

A esta situación sumouse un recorte de última hora. O día antes do comezo do curso, Educación comunicou ó equipo directivo do centro que debería compartir un dos coidadores cos que contaba co IES Campo de San Alberto. Alegan que se trata dunha situación temporal aínda que, dende as ANPAS de ámbolos dous centros, temen que poida prolongarse no tempo.

Esta concentración é a primeira dunha serie de protestas previstas como medida de presión para conseguir que Educación dea marcha atrás e manteña o mesmo persoal con que contaban os centros o curso pasado.