LOUSAME> Esteban Ares xa é alcalde de Lousame. Este mediodía recibía o bastón de mando da man da súa predecesora, Teresa Villaverde. O novo rexedor asume o cargo con ilusión e o compromiso de manter o legado recibido aínda que dende unha perspectiva renovadora.
O salón de plenos da casa consistorial de Lousame quedou pequeno para acoller ós numerosos veciños que quixeron apoiar ó novo alcalde de Lousame na súa toma de posesión. Esteban Ares foi investido cos votos a favor do grupo popular, tomando así o relevo a Teresa Villaverde que renunciou ó cargo tras 14 anos como alcaldesa. Para ela, así como para o resto de compañeiros de grupo, tivo palabras de gratitude no seu primeiro discurso tras xurar o cargo.
Na súa intervención, Ares apuntou tamén as principais liñas do que será o seu mandato apostando pola renovación pero mantendo o legado recibido con proxectos e servizos xa consolidados ó longo destes anos.
Ademais de familiares, amigos e veciños, o pleno contou coa asistencia de representantes políticos doutros concellos da comarca así como o secretario e o presidente provincial. Evaristo Ben e Diego Calvo.











