A asociación Jenin pide dende Pontevedra o apoio cidadán para rematar co xenocidio de Israel

PONTEVEDRA> Visita institucional da Asociación Galaico-Árabe Jenin de Galiza a Pontevedra. O seu presidente foi recibido este mediodía polo alcalde da cidade. Sami Ashour trasladou a Miguel Anxo Fernández Lores o seu agradecemento polo apoio do concello a Palestina e a condena do xenocidio de Israel. Segundo Ashour, a situación do pobo palestino é extrema, polo que piden o apoio da cidadanía para poñer fin á masacre.

“Ata cando seguirán humillándonos?”.

É pregunta que hoxe deixaba no aire Sami Ashour. El é presidente da Asociación Galaico-Árabe Jenin. Este mediodía foi recibido polo alcalde de Pontevedra.

Segundo Ashour, a situación en Gaza é límite. Actualmente contabilízanse en máis de 70.000 as persoas asasinadas. Aínda que calcúlase que na realidade poderíase duplicar esta cifra.

Aínda que o foco está posto en Gaza, Ashour alerta tamén da situación que viven os palestinos en Cisxordania. Outro escenario de crueldade.

En canto á proposta presentada polo presidente estadounidense Donald Trump para o voceiro da asociación é unha imposición total. Lamenta ademais a influencia nel do primeiro ministro israelí, que xa de entrada desbotou a creación dun estado palestino.

Ante esta situación, para Sami Ashour o camiño é a mobilización cidadá para obrigar ás institucións e á clase política a tomar medidas de presión que freen o xenocidio.

Dende a asociación Jenin recordan que o vindeiro 5 de outubro hai convocada unha manifestación en Santiago de Compostela contra a ocupación e xenocidio en Gaza. Unha mobilización que agardan que sexa masiva.