Abre o Mercado das Flores de Vilagarcía con prezos que van dos dous aos 80 euros

VILAGARCÍA> Hoxe abriu as súas portas en Vilagarcía o Mercado das Flores. Ata o vindeiro sábado, seis postos ofrecen ramos, flores soltas e centros para lembrar aos que xa non están. Os prezos polo que vimos hoxe mantéñense máis ou menos como o ano pasado. Para que se fagan unha idea, podemos mercar dende rosas ou pompóns a dous euros a unidade ata un completo centro que rolda os 80. Nesta primeira xornada comezaron a achegarse xa os primeiros clientes aínda que se agarda que a cousa vaia a máis tanto mañá como o venres.

A contorna da praza de abastos de Vilagarcía acolle dende este mércores unha nova edición do Mercado das Flores. Na primeira das xornadas, as floreiras agardan que as vendas vaian ben.

Así que os máis previsores xa se achegaron hoxe polo mercado na procura dunha lembranza para os seus seres queridos.

O Mercado das Flores de Vilagarcía está composto por seis postos, cunha oferta máis que ampla de flores soltas, ramos ou centros de todas as cores e tamaños. Como sempre, hoxe atopamos clientes que prefiren facelo eles e outros tantos que apostan por mercar o centro xa preparado.

En canto a prezos, seica este ano a cousa anda máis ou menos como o ano pasado. Aquí podemos atopar dende flores soltas a dous euros ata un completo centro que rolda os 80.

Os clientes este ano tampouco se queixan dos prezos. Máis ainda tendo en conta que por Defuntos sempre presta poñer algo especial.

Este xoves e venres, o mercado estará aberto de 9 a 20 horas. O sábado 1 de novembro, festivo de Todos os Santos, só abrirán en horario matinal, de 9 a 14 horas.