A CIG ameaza con mobilizacións se non hai avances na negociación do convenio da conserva

VILAGARCÍA> A patronal acaba de presentar a súa proposta para o convenio da conserva. Hoxe a CIG analizouna nunha asemblea en Vilagarcía. Na central nacionalista critican as subas salariais que se poñen enriba da mesa, practicamente nulas nas categorías máis baixas, así como o sistema de clasificación de persoal. A vindeira xuntanza vai ter lugar o día 13 en Madrid. Agardan que logo dun ano de inmobilismo, comece a haber avances. Do conctrario, advirten, chamarán á mobilización do sector.

A CIG denuncia que pasou un ano sen apenas avances ata que a patronal por fin presentou na mesa de negociación pasado 28 de outubro unha proposta para o convenio da conserva e o novo sistema de clasificación de persoal. Lamentan o tempo perdido e critican as medidas que pon enriba da mesa a patronal.

Esta mañá a central nacionalista celebrou unha asemblea en Vilagarcía para analizar a proposta. En concreto, a patronal pon enriba da mesa un sistema de nove niveis, establecendo que cada empresa faga o seu propio sistema de clasificación. En canto as subas salariais, serían desiguais, consolidando -di a CIG- a fenda entre grupos, con subas salariais moi grandes nas categorías superiores e case nulas nas categorías máis baixas. No sindicato emprázanse á vindeira xuntanza da comisión negociadora do convenio, que vai ter lugar o día 13 en Madrid.

Ameazan con mobilizacións no sector da conserva en Galicia se ese día non hai avances.

Na CIG manteñen a súa proposta de promoción automática aos dous anos nos postos de traballo e unha suba xeral das categorías laborais. Tamén un 5% de suba salarial en todos os conceptos retributivos, así como unha redución da xornada laboral co obxectivo de baixar ás 1685 horas ao ano en 2027.