As familias do CEIP A Lomba amósanse ‘moi preocupadas’ pola caída de cascallos da fachada do centro

VILAGARCÍA> Preocupación na comunidade educativa do CEIP A Lomba, en Vilagarcía, pola caída de cascallos da fachada deste centro. Técnicos municipais inspeccionaron hoxe o exterior do edificio logo dos desprendementos desta fin de semana. Segundo o seu informe, o centro presenta un problema estrutural, con diversas patoloxías. A ANPA reclama un arranxo urxente para garantir a seguridade da rapazada.

A sorte quixo que no momento no que se produciron os desprendementos da fachada non houbese actividade neste CEIP A Lomba de Vilagarcía. Aconteceu o venres e, igual que hoxe, foi un día non lectivo. Ante o ocorrido, as familias din estar moi preocupadas. 

Esta mañá persoal do concello, así como  o arquitecto municipal, revisaban polo miúdo o exterior do centro para revisar os danos e analizar posibles solucións. O seu informe técnico, facilitado esta tarde, indica que A Lomba presenta diversas patoloxías que -xuntas- teñen incidencia directa tanto nas filtracións de auga como nos desprendementos do material de revestimento da fachada. E conclúe que non se trata dun problema de mantemento senón estrutural. Este informe xa foi remitido á Consellería de Educación, departamento que tamén enviará ao colexio técnicos para avaliar a situación. Dende a ANPA agardan a que se faga unha revisión en profundidade de toda a infraestrutura.

E temen que Xunta e concello dilaten o arranxo pasando a pelota de a quen lle corresponde asumir os traballos.

Explican, ademais, que este edificio presenta grandes eivas dende o momento no que se construíu, hai xa dúas décadas. Deficiencias históricas que veñen reclamando dende o colectivo de nais e pais, como aumentar a altura das varandas das escaleiras e corredores, sen que a Xunta tan sequera os reciba.

Tamén queren abordar coa Consellería a falta de persoal. Indican que hai máis de 120 alumnos con necesidades educativas especiais, pero cun persoal insuficiente para atendelos. Nestes momentos contan só con tres mestres de apoio, compartidos con outros centros. Un tema, por certo, que xa levaron ao pleno vilagarcián, conseguindo o apoio de todos os grupos para dotar á Lomba de máis profesorado.