CALDAS> A loita contra a proposta do Goberno do Estado para a Variante Oeste de Caldas non perde folgos. Esta mañá, o concello e as plataformas veciñais entregaron máis de 3.800 alegacións contra o estudo da infraestrutura presentado polo Ministerio de Transportes, que contempla un acceso ao porto de Vilagarcía. O alcalde e os voceiros de BNG e PP acompañaron aos veciños, que entregaron os documentos na Subdelegación do Goberno e na Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra.
Caldas non dá un paso atrás no seu rexeitamento ao estudo informativo do proxecto da Variante Oeste que ten sobre a mesa o Ministerio de Transportes. Hoxe entregaron na Subdelegación do Goberno en Pontevedra case 4.000 alegacións.
O concello, pola súa banda, entregou a alegación acordada por unanimidade no pleno do concello de Caldas. Solicitan que o proxecto se divida en dous estudos: un centrado na Variante Oeste e outro no acceso ao porto de Vilagarcía, a intervención que centra o rexeitamento veciñal.
Ao acto acudiron tamén os voceiros do BNG e do PP, amosando que nesta cuestión existe consenso en Caldas. A pesares de que existen matices nos seus posicionamentos.
Ademais desta recollida de alegacións, as plataformas están a organizar unha manifestación en Caldas para amosar o rexeitamento xeneralizado a esta Variante Oeste proposta polo Goberno central. Celebrarase a finais de novembro ou principios do mes de decembro.
Panadero asegurou que continuarán coa recollida de alegacións para presentalas antes do peche do prazo, que finaliza este venres 7 de novembro.











