NOIA> A Mancomunidade Serra do Barbanza segue a dar os pasos para normalizar a súa situación. Trala aprobación dun presuposto e do plan de pagos a FCC, segue a traballar na licitación do novo servizo de recollida. Tamén contará con persoal de xestión da entidade e dará a benvida a novos socios.
Tras unha década sen orzamentos, a mancomunidade Serra do Barbanza aprobou o presuposto para este 2025, por importe de 14 millóns de euros, que permitirán asumir en certa medida a suba das cotas e o plan de pago, a dez anos, da débeda con FCC que ascende a 23 millóns de euros. Estes acordos constitúen o primeiro paso de cara regularizar a situación da entidade que contará por fin con persoal de xestión e administrativo.
Tamén se abordou a entrada de concellos que ata o de agora non eran socios de pleno dereito como Ames, que xa amosou o seu interese en adherirse á mancomunidade. Quedan pendentes Rois e Pontecesures que, de non incorporarse á entidade, terán que abandonar e asumir o pago das cotas e da débeda pendente.
Mentres tanto, trala finalización do contrato con FCC, a Mancomunidade traballa na nova licitación do servizo de recollida do lixo así como no estudo de viabilidade da planta de Servia co vertedoiro colmatado actualmente e sen posibilidade de ampliación.











