Noia constituirá a Mesa do Mar para unha mellor coordinación institucional na recuperación da ría

NOIA> O executivo noiés levará ó próximo pleno a constitución da mesa do mar. Trátase dun organismo de coordinación entre as distintas institucións para traballar na mellora da produtividade da ría.

Implicar ó tecido político, social e económico na recuperación dos bancos marisqueiros e produtividade da ría de Noia. Con este obxectivo nace a Mesa do Mar que se constituirá oficialmente trala súa aprobación no pleno da próxima semana.

Ademais dos partidos políticos representados na corporación, integrarán esta mesa representantes da subdelegación do goberno e da delegación territorial da Xunta na Coruña así como a confraría de pescadores, a agrupación de mariscadoras a pé a e plataforma en defensa da ría Plademar.

Ese organismo permitirá unha mellor coordinación institucional á hora de implementar medidas e poñer en marcha programas de recuperación integral da actividade marisqueira en beneficio do sector.