Falece un home tras caer á auga no Grove

O GROVE> Un home perdeu a vida este martes tras caer á auga na Avenida de Beiramar, no peirao situado detrás da lonxa do Grove. O 112 Galicia recibiu o aviso ás 14:45 horas, a través dun particular que solicitaba asistencia para un familiar, ao que acababan de retirar da auga e que, segundo indicaba, podería estar falecido.

Segundo as primeiras hipóteses manexadas polas forzas da orde, o falecido, duns 60 anos, podería ter caído accidentalmente á auga.

Ata o lugar mobilizáronse efectivos sanitarios. Nun primeiro momento mesmo se chegou a mobilizar un helicóptero, aínda que finalmente foi anulado ao confirmarse o falecemento do home. Dende o 112 tamén notificaron o suceso a Salvamento Marítimo, á Sala de Gardacostas, así como á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil do municipio.