A gala da Cultura Solidaria abrirá este venres a programación do Nadal en Boiro

BOIRO> Boiro quenta motores para vivir un nadal do máis solidario. Este venres inaugurarán oficialmente os festexos co acendido do alumeado e a cuarta edición da gala da cultura solidaria, en beneficio de Cáritas.

Os boirenses terán  este venres a posibilidade de gozar dun cartel musical de luxo ó tempo que colaboran cunha boa causa. A partir das cinco da tarde dará comezo na praza de Galicia a cuarta gala da cultura solidaria, impulsada polo concello, o grupo The Cuncas, a agrupación de voluntariado Turbina e Cáritas.

A entrada é de balde pero os asistentes deberán achegar, polo menos, un produto de alimentación, con especial interese este ano de leite, cacao, galletas ou outras propostas para almorzos e merendas.

Todas as achegas destinaranse a Cáritas que realizará un reparto entre as familias máis vulnerables do municipio.