VILAGARCÍA> En Vilagarcía, anuncian unha Aldea de Nadal con novidades. Trátase dunha proposta que se inclúe na programación destas festas. Este ano cambia de localización, situándose agora na rúa Clara Campoamor. Esta mañá explicaron que non só se trata dun mercado de Nadal, senón dunha iniciativa chea de espectáculos e actividades para rapazada. Unha proposta que tamén servirá para converter esa rúa e a contorna da Peixería nun espazo único, cunha decoración moi especial.
Un dos epicentros do Nadal este ano en Vilagarcía será a renovada rúa Clara Campoamor e a zona da Peixería. Esta é a localización escollida este ano para a Aldea de Nadal, unha proposta que inclúe un mercado con oito postos, pero tamén moitas propostas culturais e de lecer para toda a familia.
Detrás de moitas das propostas desta Aldea de Nadal estará Nelson Quinteiro. O artista levará os seus espectáculos a Clara Campoamor, a Peixería e outros puntos do centro da cidade, xogando cos decorados de Nadal e todo baixo un mesmo fío condutor.
Unha temática que tamén será visible a través da decoración da rúa Clara Campoamor e a Peixería, tamén ambientada no Conto de Nadal e na Vilagarcía dos ingleses.
A Aldea de Nadal, din, serve tamén de complemento ao Fexturrón e outras iniciativas para estas festas.
A Aldea de Nadal arrancará a súa programación o día 19 de decembro ata o 5 de xaneiro.











