PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia desbloquea a Variante de Alba. A Conselleira de Infraestruturas presentou esta mañá en Pontevedra o novo proxecto para esta vía tan demandada, que unirá as estradas de Vilagarcía e de Santiago como alternativa á PO-225. Cun trazado moi semellante ao proposto no 2021, contará cun investimento duns 12 millóns de euros. Iso si, haberá que agardar alomenos ata o 2029 para que sexa unha realidade.
Avances para converter a Variante de Alba nunha realidade. Hoxe presentouse o novo proxecto para esta demandada infraestrutura, cun trazado moi semellante ao proposto no 2021.
O vial terá preto dun quilómetro de trazado. Conectará a PO-531, coñecida como estrada de Vilagarcía, dende a recentemente estreada rotonda de Campañó, coa de Santiago, a N-550, no lugar da Cendona. Terá un custo de ao redor de 12 millóns de euros.
O novo vial terá un carril de 3,5 metros por cada sentido e beiravías de 2 metros. Outro dos obxectivos que cumprirá é o de desconxestionar a PO-225 no lugar de San Caetano.
Segundo a conselleira, o trazado desbloquéase agora co consenso de todas as partes, escollido como o que causa un menor prexuízo a nivel técnico. O alcalde celebrou este paso adiante e recordou a contribución do concello ao conseguir a cesión da N-550 por parte de Fomento.
Aínda haberá que agardar para que a Variante de Alba sexa unha realidade. A previsión da Xunta é que no primeiro trimestre do 2026 se celebren as reunións coa participación de técnicos municipais para rematar a redacción do proxecto. Despois, realizaríase a tramitación ambiental simplificada para poder expoñelo ao público a finais de ano. Así, a aprobación do trazado definitivo e a licitación do proxecto produciranse no 2027. A obra ten un prazo de execución de 24 meses, polo que a Variante non estará rematada, alomenos ata o 2029.











