Éxito do Laboratorio Ecosocial do Barbanza como modelo de xestión sostible do monte

RIANXO> O Pazo do Martelo de Rianxo acolleu esta mañá o acto de presentación dos resultados do Laboratorio Ecosocial do Barbanza tras dous anos de traballo pola xestión sostible dos montes. Ademais de diversas administracións, no proxecto impulsado pola Fundación RIA participan a Plataforma pola Defensa do Monte e as comunidades de montes de Rianxo.

A recuperación de terras en abandono é un dos piares sobre os que xira o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un programa pioneiro desenvolvido pola Fundación RIA que leva varios anos traballando na xestión sostible do territorio dende unha perspectiva ambiental, social e económica.

Os resultados presentados esta mañá amosan o éxito da iniciativa como transformadora do medio rural, creando emprego verde así como favorecendo a prevención de incendios forestais cun monte vivo e coidado.

A posta en marcha desta iniciativa foi posible grazas á colaboración entre distintas administracións públicas e entidades. Está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o concello de Rianxo.

Esa continuidade virá da man de novas accións como un plan de ordenación conxunta en seis comunidades de montes, a creación dunha comunidade enerxética, a plantación de frondosas ou o uso compartido dun aserradoiro.