A ABE sortea este Nadal 3000 euros entre os clientes dos seus asociados

BOIRO> Este mércores día 10 arrancará en Boiro a campaña de Nadal da ABE que repartirá máis de 3000 euros en premios. Haberá tamén cincocentos agasallos directos para as primeiras compras así como actividades complementarias dirixidas especialmente ós máis pequenos.

Baixo o lema ‘Boiro, corazón do Nadal’, a Asociación Boirense de Empresas porá en marcha unha das campañas máis ambiciosas da súa historia. Seguirá a mesma dinámica que en anteriores edicións. Os clientes poderán trocar os seus tickets de compra por rifas coas que entrarán no sorteo de 3000 euros en vales de compra.

Un ano máis, a campaña será de balde para os establecemento asociados que participen que recibirán tamén como agasallo unha axenda e un calendario coa ilustración do artista boirense Andrés Camilo Noal.

Como complemento á campaña comercial, a ABE promoverá diversas actividades culturais, lúdicas e familiares como o Parque de Nadal que se instalará no pavillón da Cachada o 22 e o 23 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro. As actividades desenvolvidas pola ABE complementaranse coa extensa programación cultural do concello en colaboración co tecido asociativo da vila.