RIBEIRA> O amarre simbólico protagonizado onte pola flota de baixura en Cambados podería ser tan só a antesala do paro de toda a flota artesanal a nivel nacional. As confrarías decidirán se toman esta medida de xeito inminente ou agardan ó día 22 cando están citadas a unha xuntanza na Secretaría Xeral de Pesca.
Aínda que levan tempo advertindo das consecuencias do novo regulamento de control de pesca, a entrada en vigor da norma levou ó sector a buscar medidas de presión para flexibilizar as obrigas que fan inviable seguir coa súa actividade. Trala protesta centralizada onte no porto de Cambados, a maior parte das confrarías galegas tiñan previsto celebrar reunións para acordar un paro inminente que podería comezar xa o próximo luns ou ben retrasarse ata o día 22 cando os representantes da federación nacional serán recibidos pola secretaria xeral de Pesca.
Se ben son conscientes da dificultade de botar abaixo unha norma aprobada en Bruxelas, os representantes do sector agardan que se teñan en conta as súas demandas para flexibilizar algunhas das imposicións do regulamento que non teñen en conta a realidade da flota.
De non conseguir esa flexibilización, auguran que a flota artesanal está abocada á súa desaparición posto que a norma que agora tan só aplica a embarcacións de máis de doce metros de eslora, será obrigatoria a partir de 2029 para aquelas de máis de nove.











