Restablecido o servizo de auga no casco antigo de Noia tras tres días de avarías

NOIA> Despois de tres días intensos de traballo por parte das brigadas municipais, o servizo municipal de auga quedou restablecido.

Segundo explicou o propio alcalde, Francisco Pérez, a avaría iniciouse na rúa Comercio, afectando posteriormente ó Malecón e á zona do Cantón, fronte á drogaría Luma.

Ó parecer a orixe do problema atópase no estado actual da rede xeral, con tubaxes na súa maior parte obsoletas, de fibrocemento, con preto de sesenta anos de antigüidade.

Dende o Concello lamentan as molestias ocasionadas, agradecendo a comprensión dos veciños e comerciantes destas rúas afectadas.

A solución ó problema pasa pola renovación integral da actual rede de subministro. Unha actuación que se veu realizando por tramos nos últimos anos, pero que haberá que darlle continuidade de xeito progresivo no futuro, pois suporá un alto investimento e o Concello non ten hoxe en día esa capacidade de financiamento.