O legado de Manuel Ayaso será patrimonio dos ribeirenses

RIBEIRA> Ribeira inicia o camiño para que o legado de Manuel Ayaso permaneza no concello. A corporación municipal aprobou por unanimidade a aceptación da doazón das súas obras co compromiso de abrir unha sala para a súa exhibición nun prazo máximo de cinco anos.

As obras de Manuel Ayaso e a súa biblioteca pasarán a formar parte do patrimonio de Ribeira, en cumprimento da vontade do autor falecido hai case dous anos. O acordo unánime do pleno para a aceptación deste legado inicia o camiño para inventariar e catalogar as máis de dúas obras doadas así como a apertura dunha sala de exposicións que manteña viva a memoria do xenial artista ribeirenses.

Mentres se traballa na posta en marcha da sala de exposicións permanente, o concello desenvolverá mostras temporais, para seguir a difundir a obra de Ayaso, fillo predilecto do municipio que sempre amosou a vontade de que o seu inxente legado artístico fose patrimonio de tódolos ribeirenses.