SANXENXO> O alcalde de Sanxenxo comprométese a rematar este ano cumprindo cos proxectos estratéxicos comprometidos na última campaña, un ano antes das eleccións municipais. Telmo Martín fixo hoxe balance dos proxectos que están en marcha. Avanzou que nos vindeiros meses porán a disposición da Xunta novos terreos para construír vivenda pública, ao tempo que anunciou a creación dun aparcadoiro de 300 prazas en Portonovo. Tamén asegurou que lle quere dar un impulso ao rural, destinando case que de xeito íntegro o millón de euros do Plan +Provincia da Deputación a mantementos.
Telmo Martín marca obxectivos para este 2026. Coas eleccións de 2027 á porta, o alcalde de Sanxenxo di que intentará cumprir con todas as promesas lanzadas na campaña de 2023 este mesmo ano.
O rexedor destacou proxectos clave que xa están en marcha, como o ciclo integral da auga ou o convenio entre Sanxenxo, Poio e Acuaes.
Tamén explicou que van deixar no caixón un proxecto, que non quixo desvelar, para destinar todos os fondos do Plan +Provincia da Deputación para o mantemento da rede viaria, moi danada logo deste inverno.
En canto a obras, adiantou avances no mercado municipal cun proxecto de 6 millóns de euros que se licitará en breve. Tamén destacou a creación da nova senda litoral da Ría de Arousa.
E para Portonovo, farán un parking de 60 prazas a través de Nauta. Ademais, vanlle presentar á Xunta un novo proxecto que inclúe un aparcadoiro e un parque.
E en canto a vivenda pública, o alcalde estima que fan falta 300. En breve asinarase a posta a disposición dun terreo para que Xunta constrúa as primeiras 25. E adiantou que en marzo anunciarán outra zona onde se farán unhas 40 e en abril detallarán outra na que se poderán facer entre 150 e 200 vivendas para mozos.











