O PP insiste na retirada do plan de tráfico da Illa e o bipartito acusa á oposición de crear tensión

https://youtu.be/gOtsexOB490

A ILLA> Pleno extraordinario na Illa, de novo co plan de mobilidade da zona residencial e as multas como protagonistas. A sesión foi forzada polo PP, que esixiu ao goberno local paralizar as sancións por erros de xestión e crear unha oficina para asesorar á veciñanza. O executivo local deféndese, reducindo eses erros a menos do 1% das 10.000 matrículas xestionadas. Cren que esta convocatoria busca por parte do PP crear máis tensión política e non aportar solucións. 

Trátase do segundo pleno extraordinario forzado polo PP e o concelleiro non adscrito Matías Cañón, aínda que desta volta con menos expectación entre a veciñanza. Na sesión, a oposición volveu esixir ao goberno a retirada do plan de tráfico da zona residencial. Tamén a paralización das sancións -lembrando que xa van unhas 10.000- e a creación dunha oficina informativa para a veciñanza.

Sobre a atención ás persoas sancionadas, Cañón cuestiona o sistema, tendo en conta ademais que nestes momentos non hai ningún axente de Policía Local na Illa.

Pero o alcalde apunta que ante a falta de Policía Local, o persoal municipal está ao servizo de quen o precise.

O goberno bipartito rexeitou retirar o plan. O alcalde apuntou que xa se xestionaron 10.000 matrículas. Recoñeceu erros de transcrición por parte do concello ou das persoas solicitantes de autorización do vehículo, reducindo as multas erróneas a menos do 1%.

Pola súa banda, o BNG -ao igual que fixera na primeira sesión extraordinaria- acusou á oposición de forzar estas convocatorias para crear tensión política, non para buscar solucións. Máis aínda, lembrou o tenente alcalde, tendo en conta que o Pleno non é o órgano para tratar o asunto, como xa indicara o secretario.

Ao mesmo tempo, o alcalde abriu a porta a estudar un reforzo da sinalización na zona residencial. Sobre a falta de Policía Local -nestes momentos en cadro-, o socialista avanzou que hai dúas prazas a piques de cubrirse.