PONTEVEDRA> Pontevedra repetirá este ano como sede da Gran Final dos Campionatos Mundiais de Tríatlon. As probas celebraranse do 23 ao 27 de setembro, reunindo na cidade ao redor de 5.000 deportistas entre os que estarán os grandes campións das diferentes disciplinas. O evento precisa dun orzamento para celebrarase de 3,5 millóns de euros pero calcúlase que o impacto económico na contorna poderá roldar os 50 millóns.
Edmonton no Canadá, Gold Coast en Australia e, a partires de setembro, Pontevedra. Son as tres únicas cidades do mundo que albergaron en dúas ocasións unha Gran Final dos Campionatos Mundiais de Tríatlon.
A cita será do 23 ao 27 de setembro e será maior que a de 2023. Súmanse os campionatos do mundo de relevos de grupos de idade e a modalidade sprint, que suporá a participación duns 1.000 deportistas máis. Agárdase a chegada de preto de 5.000 triatletas, que mobilizarán entre 15.000 e 20.000 persoas procedentes dun 80 países. Calcúlase que o impacto económico na cidade e na contorna moverase entre os 45 e os 50 millóns de euros.
A proba está orzamentada en 3,5 millóns de euros. O concello achegará 1,4 millóns e a Deputación, 100.000. Ademais dos patrocinadores privados e das taxas dos deportistas, o goberno local agarda sumar a Xunta á organización do evento.
O alcalde destacou o impacto da Gran Final no eido promocional. Ademais, este ano como novidade o circuíto de ciclismo das probas de elite masculina e feminina pasará pola centro da cidade.
A Gran Final contará tamén con importantes eventos paralelos, como o Congreso Mundial de World Triathlon que se celebrará no concello de Sanxenxo.











