RIBEIRA> A Casa da Xuventude de Ribeira encherase de vida co programa ‘Por fin é finde’. Trátase dunha iniciativa dirixida a mozos a partir de 12 anos que pretende ofrecerlles un espazo de encontro e unha oferta de lecer saudable.
Xa está en marcha o programa ‘Por fin é finde’ que ofrece á mocidade ribeirense un espazo alternativo de lecer. A casa da Xuventude abre as súas portas os sábados pola tarde, en horario de cinco a oito, con actividades formativas e puntos de encontro libre para os mozos.
Entre as actividades previstas destacan obradoiros creativos, torneos deportivos e de xogos, concertos ou propostas formativas vinculadas ó monitorado de ocio e tempo libre, como o curso que xa está en marcha dende o pasado sábado.
O uso deste espazo é de balde e sen inscrición previa. Ademais do programa xa deseñado, os mozos poden facer as súas suxestións incorporando novas propostas a este proxecto que busca promover a dinamización xuvenil no municipio a través dun ocio saúdable que contribúa ademais á prevención das condutas de risco.











