SANXENXO> A Xunta de Galicia construirá arredor de 40 vivendas públicas para menores de 36 anos no concello de Sanxenxo. Un acordo que chega tras pechar a cesión da parcela da rúa das Cunchas, ata o de agora de propiedade municipal. Estas novas vivendas de promoción pública sumaranse ás 25 que o goberno autonómico ten previsto construír en Noalla, noutra parcela cedida polo concello.
Sanxenxo contará con 40 novas vivendas públicas na rúa das Cunchas, en pleno núcleo urbano da vila e preto da praia de Silgar. É o trato que o concello pechou coa Xunta de Galicia tras acordar a cesión da parcela.
Hoxe o alcalde mantivo unha reunión en Santiago coa conselleira de Vivenda na que abordaron os detalles do acordo. Os futuros fogares estarán destinados ao alugueiro accesible para menores de 36 anos. Nos vindeiros días asinarase a cesión e a Xunta licitará o antes posible a redacción deste proxecto.
A parcela que acollerá estas novas vivendas é solo dotacional de titularidade municipal pero a construción será posible grazas ao cambio da normativa aprobada este ano.
O goberno de Sanxenxo levou a pleno o pasado mes de outubro o cambio de cualificación do solar das Cunchas de zona verde a equipamento público. No seu momento, o executivo asegurara que o obxectivo era que a finca expropiada á familia Rocafort puidera beneficiar aos veciños, despois de que o concello tivera que pagar os 13 millóns de euros fixados polos tribunais.
Cabe recordar que a parcela pasou a mans municipais a finais do 2024.
Estas 40 vivendas sumaranse ás 25 que a Xunta proxecta en Noalla, noutra parcela cedida polo concello. Neste caso, xa está en licitación a redacción deste proxecto, dirección de obra e a construción destes fogares por un orzamento de case 6,8 millóns de euros. O prazo de presentación de ofertas remata o 29 de abril.











