Planificación e gafas homologadas: dúas claves para gozar con seguridade da eclipse do 12 de agosto

PONTEVEDRA> Representantes do sector turístico de Pontevedra participaron dunha sesión práctica de observación solar. Da man dos expertos da Fundación CEO recibiron toda a información necesaria para poder observar a eclipse solar con total seguridade. Importante para gozar plenamente dun evento histórico.

O vindeiro 12 de agosto será unha xornada histórica. Agárdase que milleiros de persoas escollan o ceo das Rías Baixas para observar a eclipse.

A Fundación CEO está a asesorar á Deputación de Pontevedra no seu obxectivo de converter a provincia nun referente no astroturismo coa proposta Baixo o Ceo das Rías Baixas. E este ano a oportunidade é inmellorable.

Tanto é así que dende a Fundación sinalan a planificación como unha clave para poder gozar plenamente desta eclipse. Protexer os nosos ollos é fundamental para facelo con seguridade.

Tamén é importante decidir o lugar dende o que observaremos este fenómeno. Comezará ás 7 e media da tarde pero o recomendable é facer os traslados con tempo.

Nas Rías Baixas a eclipse non acadará o 100%, aínda que quedará moi preto. Pero os expertos recoñecen que os encantos da zona e, sobre todo, o seu clima, son garantía de éxito.