BOIRO> O mexillón será un verán máis protagonista en Cabo de Cruz cunha nova edición da Festa de Exaltación de Mexillón.
Unha cita gastronómica ineludible no calendario festivo da comarca, á que cada ano se achegan máis visitantes.
Á fronte da organización un ano máis a asociación de Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz, que promove esta festa coa finalidade de darlle un maior impulso a este produto tan importante para Boiro.
A cita gastronómica terá lugar do 14 ó 16 deste mes de agosto, incluíndo un completo cartel para os tres días charlas, showcookings e actuacións musicais, entre outras actividades.
Unha das novidades deste ano será o pregón, a cargo de Xerardo Triñanes.
Aínda así o día forte será o domingo 16 coa degustación popuar na que agardan repartir unhas dúas mil racións do produto en diferentes especialidades.
O evento contará un ano máis co apoio e colaboración do Concello que, para contribuír á promoción do mexillón durante toda a semana, repartirá mais de tres mil quilos de mexillóns entre os locais hosteleiros da localidade que participen na ruta de tapas do produto.
Xunto ó Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta, a Festa conta coa colaboración da práctica totalidade das agrupacións de mexilloeiros existentes na localidade AMC, Amebarraña, A Marxa, A Bensa e Virxe do Carme.











