NOIA> Noia celebrou esta mañá unha xunta local de seguridade, a primeira que realiza o novo goberno despois da moción de censura.
A sesión estivo presidida polo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, xunto ao alcalde, Francisco Pérez, e nela tomaron parte tamén o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Alamancos, e representantes dos corpos de seguridade do Estado, tanto Policía Autonómica coma Garda Civil e Policía Local.
A xunta de seguridade tiña coma principal finalidade analizar os índices de delincuencia no municipio e reforzar as liñas de colaboración entre as diferentes administracións e corpos de seguridade.
Durante a sesión púxose de manifesto que Noia é un concello seguro, ó tempo que se incidiu na necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para manter e reforzar esa situación, especialmente a través da cooperación entre a Garda Civil, a Policía Local e as distintas administracións.
A taxa de criminalidade no municipio sitúase entre as máis baixas da provincia, e por extensión en toda a comunidade e no país, con 29 delitos por cada mil habitantes.
Aproveitouse a sesión para aprobar tamén a adhesión do municipio ó sistema VioXén, unha ferramenta impulsada polo Ministerio do Interior para coordinar a protección das vítimas de violencia de xénero entre as distintas institucións implicadas, como as forzas e corpos de seguridade, os servizos sociais e as administracións públicas.
A reunión serviu tamén para avaliar os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas do Ministerio do Interior.
No caso de Noia, participaron 704 persoas pertencentes a catro centros educativos, nun programa desenvolvido pola Garda Civil que incluíu 30 actividades formativas.











