O PORTO DO SON> A Xunta de Galicia executará unha senda peonil na AC-550 á saída do núcleo de Portosín. O proxecto, que hoxe mesmo saíu a exposición pública, implicará a expropiación de 26 parcelas cunha superficie total de 687 metros cadrados. O investimento para a súa execución supera os dous millóns e medio de euros.
A delegada territorial da Xunta na Coruña desprazouse ata O Porto do Son para supervisar a zona onde está previsto construír unha senda peonil e ciclista de algo máis de catro quilómetros O obxectivo é garantir a máxima seguridade dos peóns que transitan por esta vía que presenta un alto volume de tráfico. O trazado discorrerá en dous treitos: un de algo máis dun quilómetro pola marxe esquerda entre Linteiros e A Gafa e outro pola dereita entre Freixeiro e o Campo de Prado de tres quilómetros.
O alcalde agradeceu o compromiso autonómico con este proxecto que xa lle trasladara á propia Conselleira de Infraestruturas ante a necesidade de reforzar a seguridade e garantir un tránsito peonil ó longo desta vía que contempla ademais a construción dunha rotonda e varias pasarelas.
O importe desta actuación ascende a máis de 2’6 millóns de euros. Está previsto que os traballos comecen no último trimestre do ano cun prazo de execución de 14 meses.











