O albariño xa rega Cambados: en marcha a LXXIV Festa do Albariño

CAMBADOS> Xa está en marcha a septuaxésimo cuarta edición da Festa do Albariño de Cambados. A cita arrancou este mediodía cun inicio xa multitudinario. Centos de persoas xuntáronse no Paseo da Calzada xunto aos stands das adegas para non perder nin un minuto da festa. Pasada a 1 do mediodía celebrouse a inauguración oficial, co pregón a cargo do actor cambadés Flako Estévez.

Botando man de recordos compartidos, humor e carácter cambadés, o actor Flako Estévez pronunciou este mediodía a frase máis agardada.

Dende o balcón da Casa Consistorial de Cambados, o pregoeiro desta septuaxésimo cuarta Festa do Albariño de Cambados tivo palabras tamén para o sector vitivinícola.

Xa antes mesmo do corte da cinta e da inauguración oficial, había pouca marxe de movemento no Paseo da Calzada. Se o ano pasado a Festa do Albariño contabilizou ao redor de 200.000 asistentes nos cinco días de celebración, todo apunta a que esta edición non vai quedar atrás.

Dende hoxe e ata o domingo non vai faltar traballo ás adegas que teñen os seus stands. Este ano son 43 e a gran maioría son das que non faltan nunca a esta festa.

Nos seus 74 anos de vida, a Festa do Albariño de Cambados tense convertido nunha cita ineludible para moitos. Tamén para as autoridades, que destacan o seu peso máis aló do sector vitivinícola.

O certo é que dende hoxe ata o domingo, non haberá descanso en Cambados. E os cambadeses, encantados.

Mañá celebrarase a cata prima da Cata Concurso. Tamén está prevista a inauguración do Túnel do Viño no Salón José Peña. E, por suposto, as adegas continuarán no Paseo da Calzada.