A Pobra despide o Carme dos Pincheiros tras un fin de semana cargado de actividades

A POBRA> A Pobra puxo hoxe o broche de ouro a unhas das súas festas grandes O Carme dos Pincheiros encheu de música e animación o municipio durante toda a fin de semana cos seus Xigantes e Cabezudos como emblema destas celebracións.

O bo tempo que acompañou durante toda a fin de semana quixo estar presente tamén neste luns festivo na Pobra que puxo o peche ás celebracións do Carme dos Pincheiros. Nenos e maiores disfrutaron dos concertos na alameda así como os inchables e a festa da escuma que se celebrou na praza Alcalde Segundo Durán. A xornada serviu como colofón ó programa repleto de actividades que amenizaron a vila durante toda a fin de semana.

Tras arrancar o venres co pregón a cargo dos membros do Club de Atletismo e Deportes Barbanza, o sábado tivo lugar a tradicional cita cos Sanjuerguines mentres que o domingo celebráronse os actos máis solemnes coa procesión na honra da patroa dos mariñeiros acompañada como sempre pola banda de música da Brilat que culminou cunha ofrenda floral a carón dos pantaláns en lembranza dos falecidos na mar.

Un ano máis, os xigantes e cabezudos que desfilaron polas rúas durante tódolos días de festa atraeron as miradas de veciños e visitantes converténdose na imaxe máis distintiva dos Pincheiros.

Non faltaron as verbenas nocturnas con orquestras de primeiro nivel como a Panorama City ou a Capitol así como sesións DJ e concertos dos máis variados estilos para tódolos gustos.