BOIRO> Os veciños do Cabo de Cruz deberán seguir agardando. As tan demandadas obras de rehabilitación integral do centro social aprobadas en pleno en 2024, e cuxo proxecto foi levado un ano máis tarde de novo a pleno polo equipo de goberno para a súa aprobación, non poderán realizarse finalmente, xa que a licitación quedou deserta, ó non espertar o interese de ningunha empresa.
Dende Boiro Novo sinalan que isto suporá unha nova demora na reforma do edificio sociocultural, pola que os veciños levan tempo agardando.
Segundo eles, un exemplo máis da improvisación coa que traballa o equipo de goberno, máis interesado na propaganda que na execución da obra.
Tamén denuncian a discriminación que existe entre as obras que se executan nas parroquias e as que se fan no casco urbano.
Ante esta situación, xa anuncian que levarán ó vindeiro pleno unha batería de preguntas pedindo explicacións ó executivo local por esta actuación.











