A socialista Marta Giráldez será a nova alcaldesa de Meis co apoio do BNG

MEIS> A candidata do Partido Socialista, máis preto da alcaldía de Meis. Todo apunta a que Marta Giráldez conseguirá arrebatarlle o bastón de mando ao popular José Luis Pérez. Aínda que ambas formacións están empatadas con cinco edís, a socialista contará co voto do concelleiro do BNG para lograr a súa investidura.

O BNG apoiará a investidura da candidata socialista Marta Giráldez. O edil que conseguiu a formación nas eleccións do 26 de maio ten a chave de goberno, e Xoan Manuel Vázquez xa comunicou a Giráldez a súa intención de votala como alcaldesa para substituír ao popular José Luis Pérez.

Nestas conversas, non estivo sobre a mesa a posibilidade dun bipartido. Dende o BNG nacional xa expresaron a súa intención de non formar parte de gobernos nos que exista tanta diferenza no número de edís. A socialista é consciente de que nesta nova etapa será fundamental o diálogo.

Sobre os resultados, Marta Giráldez está satisfeita, aínda que recoñece que o sentir previo á xornada electoral facíalles pensar que conseguirían máis apoios. Agora xa pensa nas súas primeiras accións como alcaldesa de Meis.

Entre os proxectos en marcha está o do polémico parque acuático. Segundo a candidata socialista, a súa intención é manter encontros coas partes implicadas para coñecer a situación real da iniciativa. Tamén asegurou que os socialistas están a favor deste parque, polo que traballarán para que sexa unha realidade.