A comunidade educativa do IES Número 1 oponse ós recortes do profesorado para o vindeiro curso

RIBEIRA> A ANPA Caramecheiro e a dirección do IES Nº 1 de Ribeira veñen de solicitarlle á Xefatura Territorial de Educación que reconsidere a súa decisión de aplicar un recorte en seis profesores no persoal docente do centro para o vindeiro curso, polo que pasará de 72 a 66.

Dende a comunidade educativa entenden que esta diminución do profesorado vai afectar gravemente ó funcionamento, á organización e á calidade da ensinanza no instituto.

Fan alusión tamén a que medidas ordinarias de atención á diversidade como a creación de agrupamentos específicos en 1º e 2º da ESO para alumnado con dificultades de aprendizaxe non poderán aplicarse.

Entre outras cuestións inciden tamén en que o alumnado que procede do estranxeiro non poderá recibir as clases de alfabetización, imprescindibles para a súa integración e que o funcionamento de laboratorios de linguas e materias como Bioloxía e Física e Química verase tamén comprometido.

Á espera dunha resposta por parte de Educación, non descartan outras medidas de presión para tratar de evitar este novo recorte no ensino, entre elas presentar unha queixa ó Valedor do Pobo ou iniciar mobilizacións.