SANXENXO> Este venres á noite volve a Canal Rías Baixas o ‘Verán Verán’. O programa estará presentado por Dani García. Unha das principais novidades deste ano é a sección divulgativa ‘Planeta Rías Baixas’, na que se fai un percorrido por algúns dos principais monumentos da zona, da man de guías locais.
Con todo, a esencia do ‘Verán verán’ mantense intacta. As entrevistas e a música continuarán tendo un peso fundamental. Ademais, cada programa incluirá varias reportaxes dalgunhas das citas estivais máis destacadas da contorna. Tamén se mantén a sección de axenda, na que se darán a coñecer os principais eventos das Rías Baixas e doutras zonas de Galicia.