RIBEIRA> A antiga fábrica de Cerqueira xa é patrimonio de tódolos ribeirenses. O concello oficializaba esta mesma mañá a compra deste inmoble de gran valor patrimonial por valor de medio millón de euros.
Trala aprobación no pleno do pasado 23 de febreiro do acordo para a adquisición da nave de Cerqueira, o concello de Ribeira oficializaba esa mesma mañá a súa compra. A antiga factoría, expoñente do patrimonio industrial do municipio, xa é de titularidade pública. Ocupa unha superficie de algo máis de 500 metros cadrados que serán transformados nun espazo multiusos a disposición da veciñanza.
A rehabilitación da nave e musealización do edificio anexo é o proxecto estrela da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local no que o executivo está a traballar para definir as novas liñas de actuación adaptadas ós fondos asignados.











