Máis de 40 autores internacionais pasarán por Pontevedra durante o festival BDra Gráfica
Xa coñecemos a programación completa do festival BDra Gráfica, a cita que do 27 ao 30 de xuño converterá á cidade de Pontevedra na capital do cómic peninsular. Na carpa que se instalará na praza da Ferrería localizaranse 24 postos de librarías e editoriais e nestes días pasarán ao redor de 40 autores. Presentacións de libros, exposicións e mesmo proxeccións de cinema relacionado coa BD, son outras das propostas que traerá este festival.
Pontevedra estrea o seu primeiro parque de actividade física na avenida de Bos Aires
Pontevedra estrea o seu primeiro parque de actividade física deportiva. A instalación xa está aberta ao público á beira do Lérez, na antiga parcela de Tafisa. Aquí calquera persoa poderá exercitarse e traballar cos diferentes aparellos que forman esta área da Ponte dos Tirantes, das máis avanzadas do mercado.
Pontevedra recupera a Festa Feminista para seguir abrindo a porta ao feminismo
O Mercado de Abastos de Pontevedra será o escenario o vindeiro 21 de xuño dunha Festa Feminista. A cita enmárcase no programa de actividades deseñado polo concello co gallo do 8 de marzo, dentro da campaña ‘Ábrelle a porta ao feminismo’. A celebración contará coa presenza da guionista e cómica Henar Álvarez, que presentará o seu libro Ansia e participará posteriormente nun faladoiro. A festa rematará, como non podía ser doutro xeito, con música.
A rapazada pontevedresa amosa o lado máis solidario do emprendemento no Depoemprende na Escola
Fomentar a cultura do emprendemento no eido educativo é o obxectivo que persegue Depoemprende na Escola, o programa impulsado dende a Deputación de Pontevedra. Hoxe dende a Praza da Peregrina da capital pontevedresa despediuse unha nova edición. Preto de 300 alumnos de toda a provincia instalaron os postos das cooperativas nas que levan traballando todo o curso.
Protestas no IES de Poio para reclamar á Xunta financiamento para o ciclo...
A comunidade educativa do instituto de Poio reclama á Dirección Xeral de Formación Profesional que dote de orzamento o Ciclo Medio de Guía no Medio Natural. Explican que o ciclo precisa do alugueiro de instalacións externas, do traslado dos estudantes e de material que se debe repoñer con certa frecuencia por cuestións de seguridade. Polo que os gastos só deste ciclo ascenden a uns 50.000 euros, mentres que o orzamento total e anual do instituto non supera os 90.000. Hoxe concentráronse ás portas do centro para reclamar unha partida específica para impartir esta formación.
A remodelación da fachada marítima de Raxó encara a súa recta final
A remodelación da fachada marítima de Raxó, en Poio, encara a súa recta final. Esta mañá visitou eses traballos o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que destacou que este tipo de intervencións buscan integrar os espazos portuarios nas vilas.
Poio estende seis días as festas do San Xoán
Seis días de festa no concello de Poio para conmemorar o San Xoán. O goberno local deseñou unha ampla progamación coa colaboración de numerosos colectivos do municipio. As actividades desenvolverase do 22 ao 27 de xuño coa xornada do 23 como día central.
O Gran Montecelo empezará a funcionar a mediados de 2025
Haberá que agardar ata mediados do 2025 para o ver o Gran Montecelo en funcionamento. É a data que manexa a Xunta de Galicia para a posta en marcha do hospital pontevedrés. Hoxe houbo unha nova visita ás obras, a primeira dos novos conselleiros de Sanidade e de Infraestruturas. Actualmente o proxecto atópase ao 75% da súa execución.
O PSOE aprobará a modificación de crédito tras acordar co BNG actuacións por 2,5...
> O goberno de Pontevedra xa ten os apoios suficientes para sacar adiante a modificación de crédito na que está a traballar. O Partido Socialista anunciou hoxe que as negociacións mantidas co equipo do BNG foron frutíferas, polo que votarán a favor da aprobación. Segundo Iván Puentes, os nacionalistas aceptaron boa parte das propostas socialistas, permitindo acadar acordos por algo máis de 2,5 millóns de euros.
Fumata branca no concello de Pontevedra para sacar adiante unha nova modificación de crédito. O Partido Socialista anunciou hoxe que apoiará a súa aprobación.
A reforma do parque das Regas e das zonas verdes de Monte Porreiro, completar a conexión do saneamento das vivendas de Pontemuíños, a entrega de premios aos proxectos gañadores do GastroLab ou unha campaña de promoción para os comerciantes das Galerías Oliva, son algunhas das propostas do PSOE que se financiarán con esta modificación.
Ademais, nesta modificación de crédito comprométense fondos para outras cuestións nas que había xa acordos previos. É o caso da axuda concedida ao Río Verbena Fest, os cartos para pagar as achegas aos clubes deportivos ou o incremento dos fondos destinados ao mantemento dos colexios públicos.
A contía total da modificación de crédito que se aprobará en pleno é de 9,5 millóns de euros.
Poio prepara un paquete de medidas para impulsar o emprendemento ao abeiro das variantes...
Poio prepara un paquete de medidas para impulsar o emprendemento ao abeiro das variantes Xacobeas. O concello porá en práctica varias iniciativas que contemplan, por exemplo, a axilización dos trámites, a creación dos Puntos de Información ao Peregrino e ao Emprendedor ou a ampliación da estratexia ‘No Bo Camiño’.

















