A centola acariña os 28 euros o quilo na primeira poxa da campaña no...
A centola volve reinar na lonxa do Grove. A apertura da veda veu marcada polos bos prezos, pero polas capturas escasas. Na primeira xornada capturáronse algo máis de 2.800 quilos, cantidade inferior ao do ano pasado. Pola contra, o quilo chegou a superar os 27 euros, case dous euros máis que no último arranque. Ademais, coincidindo coa apertura da veda, comezaron tamén as xornadas da centola que organiza Emgrobes, coa implicación de máis dunha vintena de restaurantes e hoteis.
O colexio de Sestelo-Baión, en Vilanova, contará cun novo espazo multifuncional para as actividades...
Esta mañá o Conselleiro de Educación presentou o proxecto, que conta cun investimento de 675.000 euros. A obra vén dar resposta á necesidade da comunidade educativa de contar cuns espazos renovados para as clases de Educación Física, así como para outros eventos. A previsión é que o proxecto se execute ao longo de 2025.
O programa de emprego da Mancomunidade do Salnés acada os tres millóns de investimento...
Rematou a décimo segunda edición do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés. Nos últimos doce meses o organismo comarcal puxo en marcha un ambicioso itinerario formativo.Na clausura desta edición salientaron que a inserción final está por riba do 85% das candidaturas. Tamén destacaron o investimento acadado ao longo destes doce anos, que supera os tres millóns de euros.
A Ruta do Viño Rías Baixas celebra o Día Mundial do Enoturismo coa décima...
A cita vaise celebrar este domingo, pero xa non quedan prazas. En apenas unhas horas o evento esgotou o cento de entradas dispoñibles. A cata porá a proba os sentidos dos asistentes a través da degustación da degustación de distintos viños de Rías Baixas. Haberá tamén petiscos a base de conservas e música en directo.
Mergulladores da Garda Civil buscan no Umia un veciño de Meis de 48 anos
Amplo dispositivo de busca dun veciño de Meis de 48 anos. O varón leva desaparecido dende hai unha semana. O seu coche foi localizado na zona de Covas de Lobos, en Cambados, con roupa no seu interior. Nesta xornada sumouse a ese operativo de busca un equipo de mergulladores da Garda Civil. Polo de agora mantéñense abertas todas as hipóteses, mesmo que poida ser unha desaparición voluntaria.
A rapazada do IES Ramón Cabanillas de Cambados regueifa pola igualdade
A rapazada do IES Ramón Cabanillas participou nunha regueifa pola igualdade. Estivo encabezada pola regueifeira Lupe Blanco, unha das principais voces desta disciplina nestes momentos en Galicia. Trátase dunha iniciativa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra con motivo do 25N.
Cambados prepara xa un segundo envío de produtos para os afectados pola DINA
A Policía Local de Cambados e Protección Civil traballan de xeito coordinado para xestionar todo o que a veciñanza está doando. Xa mandaron para alá o primeiro lote e esta mañá comezaron a preparar o segundo envío. Din estar sorprendidos pola gran cantidade de produtos que se está a doar, moi por riba das súas expectativas.
As Rías Baixas solidarízanse coa Comunidade Valenciana co envío de efectivos, maquinaria e alimentos
A axuda non deixa de chegar ás zonas afectadas pola DINA. Parte dese apoio ten acento galego. Sobre o terreo devastado pola gota fría traballan xa efectivos de emerxencias de Vilagarcía. Están achicando auga de garaxes, buscando vítimas e limpando rúas. Nas últimas horas sumáronse a estas tarefas tamén voluntarios de Protección Civil de Cambados.
Meaño estrea as renovadas instalacións da praza de abastos de Dena
O mercado foi obxecto dunha actuación que, entre outras cousas, corrixe o exceso de temperatura que rexistraba o edificio no verán. Para iso, instalouse aire acondicionado, converténdose nunha das poucas prazas de Galicia en contar con este servizo. Ademais, tamén se renovou a instalación eléctrica e se reformou o chan, cun novo pavimento antideslizante.
A Xunta concedeu preto de 2.400 axudas para corrixir impactos paisaxísticos
Nos últimos catro anos a Xunta concedeu preto de 2.400 axudas para corrixir impactos paisaxísticos, o que coñecemos popularmente como feismo. Son achegas tanto para concellos como para particulares, que conseguiron mobilizar un investimento global de arredor de 14 millóns de euros. Estas achegas teñen cada vez máis demanda. Dende 2021 xa chegaron a máis do 90% dos concellos galegos.

















