As educadoras da escola infantil de Cambados vístense de amarelo na defensa dun ensino...
Mércores de primavera amarela na Escola Infantil de Cambados. O centro súmase ás protestas que se están a desenvolver por todo o Estado para reivindicar melloras na calidade do ensino para o alumnado de 0 a 3 anos. Entre outras cousas, demandan unha baixada da ratio, recursos na atención á diversidade ou tempos para poder planificar o proxecto educativo do centro. Este xoves, xunto con compañeiras doutras escolas infantís de toda Galicia irán á folga. Tamén se concentrarán á tarde en Pontevedra.
A lonxa de Cambados dixitalizarase a través dun programa da Xunta
Cambados xa conta cunha lonxa 4.0. A rula de Tragove incorpórase a este programa da Xunta, que se traduce nunha aposta pola dixitalización dos puntos de primeira venda. Con este proxecto, unifícanse en todas as lonxas de Galicia o sistema de poxas recollendo a información dun xeito máis áxil, permitindo a poxa non presencial e facilitando que os mariñeiros poidan realizar as operacións de descarga e pesaxe máis rápido.
Meis celebrará unha romaría para conmemorar o Día das Letras Galegas
O concello de Meis celebrará o Día das Letras Galegas cunha romaría. O sábado 16 de maio a Finca de Parga encherase de música, xogos populares, bo ambiente e actividades para festexar esta data sinalada. O concello agarda recibir máis de medio milleiro de persoas.
Telmo Martín garante que a balaustrada de pedra seguirá en Silgar e asegura que...
A balaustrada de pedra seguirá en Silgar. O alcalde de Sanxenxo aclarou este martes as dúbidas sobre o proxecto de reforma do paseo marítimo. Telmo Martín apunta que se fará un reforzo da varanda con elementos de aceiro inoxidable nos últimos 120 metros do paseo para cumprir a normativa de seguridade. O rexedor dálle así carpetazo á polémica xurdida na vila, garantindo que non se van retirar as partes de pedra. A pesar de que no primeiro anuncio do concello se falaba de 'substitución', o alcalde tacha de 'bulos' as informacións que apuntaban á súa retirada.
Hierros Santa Cruz celebra por todo o alto os seus 50 anos de vida
A empresa Hierros Santa Cruz celebrou onte por todo o alto os seus 50 anos de historia. Fíxoo rodeada dos traballadores, provedores e amigos que a acompañaron nas diferentes etapas. A eles dedicoulles toda unha festa na parroquia de Castrelo, en Cambados, que mesmo contou coa actuación da orquestra Panorama e unha tirada de fogos artificiais. A empresa chega a este medio século de vida convertida en todo un referente do sector.
A sexta Romaría da Música de Ribadumia, cun ollo posto no ceo
Música e gastronomía irán da man este vindeiro domingo en Ribadumia. A carballeira da localidade acollerá a sexta edición da Romaría da Música, que organiza a banda municipal co apoio do concello. Catro agrupacións daranse cita nun encontro no que non faltarán os callos, o polbo ou a empanada. Só resta que o tempo acompañe.
Festa do Tinto en Ribadumia con grandes propostas musicais e viño ‘de boa colleita’
Ribadumia prepárase para a LIII Festa do Tinto do Salnés. A cita será do catro ao sete de xuño co viño e a gastronomía como principais ingredientes, pero cunha gran programación paralela, con multitude de propostas musicais. A destacar, a visita dos Festicultores, un concerto de Antonio Barros coa Agrupación Musical de Ribadumia ou algunhas das principais orquestras do país. O vindeiros días 8 e 9 de maio recolleranse os viños que se presentarán a concurso. O ano pasado rexistráronse máis dun cento de aspirantes.
A FGCN reivindica os logros sociais na loita contra a droga na súa XXIII...
Vixésimo terceira edición da Gala Anual da Fundación Galega contra o Narcotráfico. Unha iniciativa que recoñece o labor de persoas e entidades contra esta lacra. A cita vai ser o vindeiro venres, nun acto no que tamén se entregarán os premios do segundo certame de relatos xuvenís Contos do Camiño. A parte musical virá da man de Cantos da Terra.
A rapazada do cole Sagrada Familia ponse mans á obra cunha recollida de microplásticos...
Xornada de limpeza da praia da Compostela, de Vilagarcía. A rapazada do colexio Sagrada Familia levou a cabo este mércores unha gran recollida de microplásticos. O alumnado está moi concienciado con esta problemática, que ten graves consecuencias para o medio mariño. Este centro, por certo, acaba de entrar nas Escolas Azuis da Unión Europea, en recoñecemento aos seus proxectos medioambientais.
Préstamo de 3,5 millóns de euros a Sanxenxo para mercar terreos en Vilalonga para...
A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico para impulsar en Vilalonga a construción de 350 vivendas, a maioría protexidas. A conselleira de Vivenda e e o alcalde asinaron este martes a concesión dun préstamo do Fondo de Cooperación da Xunta por importe de 3,5 millóns de euros. Cantidade que lle permitirá ao concello adquirir os terreos, a maioría propiedade da Sareb, para cederlle logo ao goberno galego.

















