Educación confirma ás familias da Lomba a supresión dunha aula de infantil e anuncia...
Tampouco haberá cambios nos plans da Xunta de Galicia para o colexio da Lomba, en Vilagarcía. Esta mañá representantes das ANPAS deste centro e do Anexo mantiveron unha reunión en Pontevedra co xefe territorial de Educación. César Pérez Ares confirmoulles a supresión dunha das tres liñas de 4º de Infantil. En concreto, será unha das dúas coas que ata o de agora contaba o colexio da Lomba. Tamén perderán unha praza docente e outra de docente de apoio de audición e linguaxe. As familias lamentan a falta de vontade negociadora e anuncian que seguirán coas mobilizacións.
Sanidade descarta dotar o Hospital do Salnés cunha ambulancia medicalizada durante o verán
A Consellería de Sanidade mantense. Non haberá unha ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés durante o verán. O conselleiro Antonio Gómez reuniuse esta mañá co alcalde de Vilagarcía para trasladarlle esta decisión. Segundo Gómez Caamaño, o traslado da medicalizada a Sanxenxo é por criterios obxectivos e técnicos, e a atención de urxencia e emerxencia está igualmente garantida. Para Alberto Varela, a negativa a reforzar esta ambulancia con outra no Hospital do Salnés responde a criterios unicamente económicos.
O xantar da Festa do Albariño de Cambados celebrarase na Sociedade Cultural polas obras...
Xa queda menos para unha das celebracións máis agardadas. A Festa do Albariño de Cambados será do 29 de xullo ao 2 de agosto. A cita cumprirá neste 2026 74 anos con todos os seus ingredientes: casetas das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas na Calzada, concertos en Fefiñáns e noutros puntos do municipio, cata-concurso, túnel do viño e o tradicional Xantar. Este ano as obras do Pazo Torrado obrigarán a celebralo na Sociedade Cultural. Hoxe tamén coñecimos o nome do pregoeiro. Será o actor cambadés Flako Estévez.
O GDR Salnés Ulla Umia fai balance do 2025 con case o 100% dos...
O Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia celebrou onte a súa asemblea. Un encontro que lle serviu para facer balance do ano 2025 e do estado no que se atopan os proxectos que contan co seu financiamento. Dende o órgano apuntan que estas iniciativas están executadas case ao 100%, favorecendo así o desenvolvemento rural.
Ribadumia reforza o seu servizo de recollida de lixo e avanza nun proxecto piloto...
Ribadumia reforza o seu servizo de recollida de lixo. O concello vén de incorporar nova maquinaria e case 300 colectores para facilitar a separación e reciclaxe dos residuos. A compra supuxo un investimento de 490.000 euros ao abeiro do plan da Deputación de Pontevedra PON2030, cunha achega de 200.000 euros da administración provincial. Os novos recursos tamén permitirán implantar un proxecto piloto de recollida porta a porta na parroquia do Couto de Arriba.
A Xunta destina 400.000 euros á mellora da contorna das Torres de Oeste, en...
Melloras na contorna das Torres de Oeste, en Catoira. A Xunta destinou 400.000 euros á posta a punto desa zona, incluíndoa creación dun punto de información turística, unha nova iluminación ou a mellora da accesibilidade ao monumento. Ao mesmo tempo o goberno galego reforza a súa colaboración coa Romaría Vikinga.
Ribadumia, Arca e Agolada únense na quinta edición do Festival de Bandas de Música...
Chega a quinta edición do Festival de Bandas de Música de Ribadumia. A cita vai ser este vindeiro sábado no auditorio municipal. Na proposta, ademais da formación anfitrioa -a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia-, participarán a banda de música de Arca e a de Agolada.
O BNG apoia as familias da Lomba de Vilagarcía contra o peche dunha das...
O BNG traslada o seu apoio á comunidade educativa do colexio A Lomba de Vilagarcía polo peche dunha das aulas de cuarto de infantil. Os nacionalistas levarán ao Parlamento de Galicia e ao pleno do concello este asunto, demandando á Consellería de Educación que manteña esa aula e á profesora desa etapa. Critican que coa medida as ratios das outras dúas aulas dese curso van pasar ao máximo cando, apuntan, debera ser todo o contrario.
O concello de Meis asume a organización do Jazz na Armenteira cun único concerto
O colectivo que ata o de agora impulsaba esta iniciativa deu un paso atrás, pero no municipio non queren que desapareza este evento. Nesta ocasión, o concello traerá ata A Armenteira a 'Allo negro', que ofrecerá un concerto o vindeiro 18 de xullo.
As familias da Lomba reclaman que se manteñan as tres liñas de cuarto de...
A ANPA do colexio A Lomba, en Vilagarcía, disposta a dar guerra trala decisión da Consellería de Educación de eliminar unha das tres liñas previstas para cuarto de infantil. Tamén dunha praza de profesora desta etapa educativa. As nais e pais denuncian que se trata dun engano, xa que a medida tómase despois de pechar o prazo de matriculación. Tamén insisten en que eliminar unha das aulas suporía un importante golpe á calidade do ensino. Hoxe mantiveron un encontro coa dirección do centro. Ademais, están a buscar o apoio da corporación vilagarciá ás súas demandas.
















